Friday 26 de April de 2024

A biblioteca municipal de Frades volve abrir as bsúas portas ao público no seu horario habitual


A biblioteca municipal de Frades volve abrir as súas portas ao público, recuperando así o seu horario habitual de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. A maiores, a sala estará aberta os sábados, de 10:00 a 13:00 horas, e nas tardes dos martes e xoves, de 17:00 a 20:00 horas.
As persoas usuarias destas instalacións deberán cumprir coas medidas de protección recomendadas polas autoridades sanitarias: desinfectar as mans con xel hidroalcohólico, usar obrigatoriamente máscara de protección e gardar as distancias de seguridade de 1,5 metros con outras persoas. Durante a Fase 3 estarán dispoñibles os servizos de préstamo e devolución, información bibliográfica e consulta en sala, co límite do 50% do aforo polo que se recomenda acudir sen acompañantes, excepto ás persoas menores de 14 anos que deberán estar sempre acompañadas por unha persoa adulta. Estará pechado ao público o acceso a coleccións.
Así mesmo, a biblioteca municipal de Frades vén de estrear esta mesma semana unha páxina en Facebook ( www.facebook.com/Biblioteca-de-Frades ), que na actualidade conta con medio cento de seguidores. A través dela manterase informados aos veciños e veciñas de Frades tanto das novidades editoriais como das actividades culturais que se organicen na biblioteca ao longo do ano.
A biblioteca municipal de Frades conta cun centenar de socios e socias e uns fondos de máis de 5.000 libros, dos que case un milleiro son de literatura infantil. Todas as persoas que saquen o seu carné de socio recibirán un libro de agasallo.